




EXTRACCIÓN
A labor das percebeiras
o percebe, do atlántico ó cantábrico
Este vídeo recolle a nosa experiencia en Oia cun grupo de percebeiras: Pepi, Lola, Carmen e Maribel .
O que nos comentan é un pequeno extracto de todo o que falamos con elas ao longo dunha mañá de traballo.
Neste mapa interactivo de Galicia plásmanse os principais puntos de extracción do percebe. Como se pode observar toda a costa galega ten amplas zonas para a cría deste crustáceo.
A maior ou menor calidade do percebe depende da zona, da luminosidade e da forza coa que o mar rompe contra eles. Cedeira, Punta do Roncudo ou Oia poden ser os lugares máis representativos da extracción, tanto pola súa historia como pola calidade do producto…
Unha mañá co percebe
O traballo de percebeiro é un labor costoso e perigoso. Como nos contaban as percebeiras, dende a Xunta non existe ningunha medida de seguridade en particular máis aló da que elas mesmas se procuren. Tamén puidemos ver como a través do oído velaban o mar e sen mirar para el evitaban a ola que batía contra as rochas.
Elas comentaban que era un bo día para traballar, pois o ceo estaba aberto e non había demasiado vento. O normal a esas alturas do ano era que houbese fortes refachos de vento e choiva.
Antes de levar o percebe á lonxa, debe pesarse e pasar por un control de calidade. O día que nós estivemos en Oia asistimos á comprobación das características do percebe por parte dunha bióloga que avaliaba as condicións do mesmo. As percebeiras comentáronnos que a bióloga achégase dúas veces ó mes para facer esas probas.